Wednesday 15 de May de 2024

A Orquestra Sinfónica de Galicia abre mañá a nova edición da Semana Clásica, con concertos previstos en María Pita ata o vindeiro 24 de agosto


A programación, que abrangue cinco actuacións con asistencia de balde, pecharase co espectáculo ‘Cool Swing, a night with Borja Quiza’, protagonizado polo barítono galego

A programación das Festas de María Pita 2023 continúa esta fin de semana coa posta en marcha da Semana Clásica, un ciclo de concertos aberto á cidadanía que comezará este sábado 19 e rematará o vindeiro 24 de agosto, coa praza de María Pita como escenario das actuacións. O Goberno de Inés Rey ten deseñado un programa festivo que inclúe diferentes estilos musicais, tamén a música clásica, para chegar a todos os públicos.

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) será a encargada de abrir o ciclo. Roberto González-Monjas, que encara a súa primeira tempada ostentando o cargo de director titular da orquestra, levará a batuta nun concerto contextualizado no plan de actividades pola ‘Celebración Picasso 1973-2023’. Mañá, desde as 21.00 horas, a formación interpretará ante o público o ‘Capricho español, op. 34’ de Nikolai Rimski-Kórsakov e ‘Cuadros de una exposición’, de Modest Músorgski.

Xa o luns 21, tamén desde as 21.00 horas, terá lugar a segunda das actuacións previstas. A Orquestra de Cámara Galega ofrecerá ‘Unha noite coa Orquestra de Cámara Galega’, un concerto apto para todos os públicos e, especialmente, para o público familiar. A asistencia será de balde ata completar a capacidade prevista na praza de María Pita.

O martes 22, collerá o relevo a Orquestra Gaos. Desde as 21.00 horas, a formación dirixida por Fernando Briones presentará ‘Musicales’, un concerto que forma parte da programación da orquestra para a súa tempada 2023-2024.

A penúltima das actuacións terá lugar o mércores 23, ás 21.00 horas e na praza de María Pita. A Banda Municipal de Música da Coruña, dirixida por Juan Miguel Romero Llopis e acompañada pola Gallaecia Big Band, dá continuidade ao seu ciclo de ‘Concertos na rúa’, que inclúe actuacións previstas ata finais de mes en puntos como María Pita e a praza da rúa de San Andrés.

A programación da Semana Clásica pecharase o xoves 24 co espectáculo ‘Cool Swing, a night with Borja Quiza’. Desde as 21.00 horas, e tamén na praza de María Pita, o barítono galego transformarase por un día en crooner. Acompañado por unha selección de músicas e músicos, Quiza e a súa banda interpretarán un repertorio dos clásicos das grandes veladas americanas das décadas dos 50, 60 e 70.